Chega estes días ás librarías Deixe a súa mensaxe despois do sinal, a orixinalísima segunda novela de Arantza Portabales. Contada dun xeito abraiante,  Portabales elixe catro voces de muller, as de Marina, Carmela, Sara e Viviana, que deixan mensaxes nun contestador e van tecendo así unha única trama. Historias de moitas almas que imos construíndo a medida que escoitamos o que se deixa nun aparello, frío, que, con todo, está cheo de vida, das vidas, ás que a autora fai brillar cun lume de palabras que non nos deixará indiferentes.

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973), filla de emigrantes galegos, é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Iníciase como escritora no ano 2013, cultivando o xénero do microrrelato. Participou en libros colectivos como 40 plumas e pico, As palabras contadas, Lecturas d’Espagne, volume 2, Purorrelato de Casa África, volume 2, Escribo 3, Microvuelos e Cincuentos. En outubro de 2015 publicou o seu primeiro libro de microrrelatos: A Celeste la compré en un rastrillo. Ese mesmo ano a súa novela Sobrevivindo (Galaxia, 2015) resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Regularmente escribe microficción no blog Una nube de historias.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR