Hoxe pola mañá tivo lugar na libraría Couceiro de Compostela a presentación á prensa de De Gres a Cádiz, un libro inédito de Xosé Neira Vilas editado pola profesora da USC Dolores Vilavedra e Luís Reimóndez, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas. Acompañándoos estivo o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro. A este novo libro inédito, que aparecerá dentro da Biblioteca de Autor que a Editorial Galaxia dedicou, xa en vida, a reunir a obra do escritor inmortal de Memorias dun neno labrego, sumarase en 2019 un segundo volume tamén descoñecido ata o de agora.

Así, estes días chegará ás librarías galegas De Gres a Cádiz, un libro que Neira Vilas comezou a  escribir por volta de xaneiro de 1996 e que está composto por un “ramallete de lembranzas, de prosas condensadas”, tal como afirma o propio autor no limiar que deixou preparado para esta edición. Xosé Neira Vilas recoñece tamén abordar neste novo libro unha parte da súa vida con nostalxia e coa idea de “revelar, ao meu xeito, a Galicia aldeá de varias décadas atrás”. E, como é característico de toda a súa produción, literaria ou memorialística, bota man da narración en primeira persoa para dar conta do mundo que viu dende os seus ollos atentos. Deste xeito, en De Gres a Cádiz enmárcanse as vivencias do autor no período comprendido entre a súa estancia no Gres que o víu nacer, e a chegada a Cádiz, cidade onde se embarcou aos 20 anos cara a América disposto a vivir “unha nova etapa vital”. En definitiva, unha crónica da primeira parte da súa vida que nos vai permitir completar, con precisión, ese chanzo da súa biografía.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR