Camiño de paixóns, obra gañadora do I Premio de novela Camiño de Santiago, chega ás mesas de novidades das librarías galegas da man de Carlos Meixide e a Editorial Galaxia.

A obra galardoada nesta primeira edición, Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, amósanos unha historia que o seu autor define como pulp e que toma o Camiño de Santiago coma un pretexto para explorar a natureza humana a partir de dúas mulleres que, levadas polo azar e pola paixón, farán o Camiño xuntas. Polo medio, un caso de terrorismo internacional inesperado. Unha reflexión sobre o poder do erotismo e das moitas formas de amor.

En palabras de Francisco Castro na entrega do galardón o pasado mes de decembro, Meixide presenta unha novela que non vai deixar tranquilo en ningún momento ao lector. Ademais, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, trasladou no seu día a súa noraboa ao autor e destacou que con este premio “imos á búsqueda da palabra literaria que orbita nas rutas a Compostela”, recordando que “a literatura é unha ferramenta excelente para promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo”.

Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa) é escritor, xornalista e humorista galego. A súa novela O home inédito converteuno en 2005 na primeira en galego editada en Internet. A partir de 2014 autoedita as súas obras. É autor ademais das novelas Ons, Cans, Guitiriz e Arousa, unha serie de aventuras de adolescentes en distintos lugares de Galicia que alcanzaron notable popularidade.

Para afondar aínda máis na historia gañadora do I Premio de novela Camiño de Santiago, pódeste unir a nós o próximo xoves 4 de xullo, cando Carlos Meixide presentará Camiño de paixóns en Santiago de Compostela.

Non vola podedes perder!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR