A partir da vindeira semana comezará a chegar ás mesas de novidades das libraías galegas Bonus track a estrea narrativa da poeta Rosalía Fernández Rial.

Ás veces precísase dar todo por perdido para que algo inesperado te sorprenda. Pero sempre hai unha posibilidade para a esperanza. Por iso cómpre esgotar as pistas establecidas se queres que apareza o Bonus track. Xusto nese xiro imprevisto, cando xa parece que non queda nada, nacen os relatos deste libro de Rosalía Fernández Rial: vinte e dous contos tecidos con letras de cancións e derradeiras esperanzas.
É importante agardar. As mellores historias comezan onde remata a melodía. Resiste. E cando a música repouse, entrará a literatura a bailar.
A escritora Rosalía Fernández Rial é unha das voces poéticas máis importantes da súa xeración. O gran público coñécea pola súa labor coma performer e a súa obra lírica. Con Bonus Track debuta na narrativa ofrecéndonos un mollo de relatos nos que a música vai ter un protagonismo central.

Rosalía Fernández Rial (Costa da Morte, 1988) é filóloga, doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC e performer. Mais, sobre todo, e desde moi nova, dedícase á escrita. Como poeta publicou os libros. En clave de sol (2009), Átonos (2011), Un mar de sensacións (2012), Vinte en escena (2012, 2014), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) e a antoloxía bilingüe Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016). No ámbito do ensaio, destaca o seu traballo Aulas sen paredes, un libro-DVD sobre unha metodoloxía innovadora no ámbito da didáctica das linguas que recibiu o Premio á mellor iniciativa bibliográfica da II Gala do Libro Galego en 2017. Actualmente imparte aulas de lingua e literatura en Cabana de Bergantiños, forma parte da directiva da AELG, do consello de redacción da Revista Galega de Educación e de diferentes proxectos artísticos de carácter interdisciplinar.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR