Chega ás librarías Beleza vermella de Arantza Portabales

Categoría: Nova

Mañá, xoves 9 de maio, Arantza Portabales regresa ás librarías co seu último traballo, Beleza vermella, unha novela negra que non deixará indiferente a ninguén.
A súa segunda novela, Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicada inicialmente en galego por Galaxia e finalista do Premio San Clemente, traduciuse a outros catro idiomas: castelán, italiano, hebreo e alemán. Logo deste éxito, a autora volve ás mesas de novidades cunha novela negra arrasadora: Beleza vermella.
A acción desta historia desenvólvese en Santiago de Compostela, onde se comete un espantoso crime que, en realidade, semella unha obra de arte. A asasinada é a sobriña de quince anos da máis importante artista galega, e a maneira en que aparece o cadáver semella un dos seus traballos de vangarda: un corpo e un cuarto anegado en sangue. Beleza vermella  é unha obra que cuestiona ao lector sobre a posibilidade de que matar poida ser unha forma de arte. Unha investigación onde seis persoas, todas achegadas á vítima, son sospeitosas, porque todas poderían ter motivos para cometer o crime. O comisario Santi Abad, xunto a Ana Barroso enfróntanse a un caso en que o misterio tomará o papel protagonista. Polo medio, paixóns sen control e un manexo da intriga que fai desta autora unha das voces cruciais da novela negra contemporánea.
O mércores 15 de maio terá lugar a presentación de Beleza vermella na librería Cronopios de Santiago de Compostela, o xoves 30 de maio na libraría Moito Conto de A Coruña e o mércores 12 de xuño na libraría Cronopios de Pontevedra.
Arantza Portabales, filla de emigrantes galegos, é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Iníciase como escritora no ano 2013 cultivando o xénero do microrelato. En 2015 publica a súa primeira novela, Sobrevivindo, da man da Editorial Galaxia, galardoada co XV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia.
Dúas novelas despois, Portabales é xa unha das grandes autoras revelación do panorama da literatura galega e Beleza vermella augura converterse nunha peza fundamental na colección de todos os amantes da novela negra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email