Chega ás librarías Alma e o mar

Categoría: Nova

Chegaba estes días ás librarías Alma e o mar a nova e agardada novela de Francisco X. Fernández Naval. Unha aposta narrativa en que se tecen un thriller, a reivindicación feminista e o retrato dunha protagonista que non quere ser heroína e que nos amosa a afouteza dunha muller do noso tempo.
Vealí Alma e o mar que cura as súas feridas impronunciables. Alma que podería ser calquera muller que día a día se fixese forte ante as discriminacións. Alma que vai de Nova York á Costa da Morte para descubrirse a si mesma e aprender a esquecer. Mulleres fortes e valentes, loitadoras nun mundo hostil: Brenda, Áurea, Nora, Silvia e Alma, tamén Alma. Mulleres que non se pregan, que se erguen de cada vez, unhas para reconstruír as vidas, outras para seguir. Vítimas de inxustizas, abusos, violencia verbal e física: laboral, sexual, social, familiar… Unha protagonista que transita entre California, Brooklyn e a Costa da Morte para narrar unha historia de superación chea de suspense e intriga.
 
Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956), poeta e narrador. Premio Cidade de Ourense de poesía en 1980 por A fonte abagañada, e en 2007 por Miño; Premio Xerais de novela en 1988 por O bosque das antas e Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño 2010 por Bater de sombras. En 2012, a novela A noite branca recibe o Premio Irmandade do Libro, como mellor libro galego publicado nese ano. En 2014 o ensaio O soño galego de Julio Cortázar foi premiado co Ánxel Casal ao mellor libro galego de non ficción. A súa produción inclúe poesía, novela, relatos, ensaio, literatura infantil, xuvenil e de viaxes, guións cinematográficos e teatro. A súa obra traduciuse a outras linguas, entre elas: castelán, éuscaro, catalán, inglés, francés, ruso, árabe e portugués. No ano 2005 a Editorial Galaxia publicou a novela Unha cita co aire.

Comparte nas túas redes sociais ou por email