Chega ás librarías Moito morro corporation, Sociedade Ilimitada

Categoría: Nova

Chega ás librarías a nova obra de teatro infantil de Carlos Labraña, a comedia circense Moito morro corporation, Sociedade Ilimitada, que se presentará o vindeiro 4 de marzo na Libraría Pedreira de Compostela. Unha historia disparatada protagonizada por unha compañía de pallasos, trapecistas e domadores que lles demostrarán aos pequenos e pequenas lectoras que se acheguen a eles que o circo é, sen dúbida, "o maior espectáculo do mundo". O libro conta coas fermosas ilustracións de Rodrigo Chao e está recomendado para rapaces de 10 anos en diante.

Carlos Labraña
naceu en Cedeira en 1969. En 1988 fundou o Colectivo Garola, dedicado á creación e montaxe de pezas de teatro infantil. Con eles participou en varias pezas dirixidas ao público máis novo, das que podemos salientar: O segredo de Daniel e A escada, ambas as dúas gañadoras do Certame Xeración Nós. Máis adiante continua a escrita de maneira individual ou en colaboración cos seus irmáns Antón e Sabela con pezas como: O teatro dos soños; Indo para o Samaín, baseada na festa das cabazas; Os sons da buguina, finalista do Premio Meiga Moira; Teatro de xoguete, Premio Estornela; e Espantallo, Premio O Facho. Recentemente, formou o grupo de teatro Os Furabolos co que leva á escena as súas obras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email