Cesáreo Sánchez Iglesias na homenaxe a Don Paco

Categoría: Nova

Como xa fixemos coas palabras de benvida de Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol, e a laudatio do homenaxeado que leu Víctor F. Freixanes, director de Galaxia, agora publicamos o discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, entidade que concede cada ano o premio Os Bos e Xenerosos, nesta ocasión a Francisco Fernández del Riego.

Amigas e amigos, querida familia de Don Paco.

Grazas por nos recibir na Fundación Penzol, neste fermoso e xa histórico lugar, para este acto de entrega a título póstumo da homenaxe ‘Os bos e xenerosos’ a Don Francisco Fernández del Riego.

Este lugar, o seu nome, lévame persoalmente (permítanme) ao fin dos anos setenta cando andaba á busca en Madrid de libros, unha das tantas formas de supervivencia no tempo de estudante. Sempre que eu chegaba a unha librería de vello, da rúas no bairro do Ateneo, sempre había un feixe de libros galegos atados cun cordel e cun cartonciño que dicía: Penzol. A verdade é que o feito de que sempre houbese alguén que se me adiantara na busca de libros galegos de vello non me daba moita alegría. Alguén que chegaba e me deixaba sen as alfaias bibliográficas que case que sempre estaban fóra do alcance económico do meu peto de estudante.
Quen era Penzol? O libreiro da Libraría Vindel, tan vencellada á historia da literatura galega medieval, develoume o enigma do nome: era un home culto e consciente, de Vigo, que estaba a reconstruír a memoria bibliográfica de Galicia , que estaba a acoller de modo maternal, os libros de noso que coma fillos da diáspora andaban polo mundo, un algo de alma desasosegada, como perdidos en anónimos andeis. E desde entón saudaba eu, feliz, que o libreiro lle gardara os mellores libros do seu fondo de libros galegos de vello, porque eran para todos os galegos.

Hoxe na Fundación Penzol rendemos unha homenaxe que, aínda que a entregamos hoxe a título póstumo, o certo é que xa lle fóra comunicada en vida a Don Paco polo escritor e membro do consello directivo Francisco Castro, e era intención nosa entregarllo na súa casa nun acto íntimo, pois a súa saúde non lle permitía xa vir a esta Fundación, tan vencellada á súa biografía, polo que dalgún xeito o abrazo colectivo das escritoras e dos escritores galegos xa lle foi dado en vida.

Para a miña xeración, que estaba traballar na normalización da cultura do noso país, era obrigado coñecer a Don Paco, sempre activo, sempre disposto a ir a calquera lugar, fose cidade ou vila ou curruncho arredado do país. Onde houbese unha agrupación cultural, a máis humilde, e que necesitara da súa fértil sabedoría, alí viña Don Paco. Así o coñecín eu cando era presidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda na Coruña e viña aos nosos xoves literarios. Estar ao seu carón era saberse cun dos bos e xenerosos. Cando el falaba estaba a nos transmitir a historia contemporánea de Galiza, daquela que foi ferida polo 36, mesmo da que desapareceu ou viviu morte e dorido exilio.
Co seu falar, que traía a palabra cálida e donda, un algo oteirán pousado e reflexivo, un sentíase abrazado. Coñeciámolo dende a nosa mocidade polos seus manuais, que eran para nós iniciadores, por ese labor que continuou toda a súa vida publicando traballos que eran fondo cultural, que eran o substrato que permite pór ao día unha cultura, unha literatura naqueles territorios aínda sen normalizar. Alí onde faltaba algo que normalizara a nosa cultura, alí el traballaba.
Entre o xornalismo e o ensaio comunicador, accesíbel e necesario, el dábanos libros, manuais normalizadores, visións alén do academicismo, entrañábeis e cheos de verdade sobre nós, cun ton literario e un idioma con fondura cunqueirán.

Era o home humilde que , coa súa obra acompañou os outros escritores póndoos en valor, xeneroso con eles porque sabía da importancia de ter unha literatura normalizada. Ser editor para el era un acto de construción da patria galega; nunca deixou de selo, aínda hoxe o é ese labor tan fulcral para que exista a literatura galega. El era editor da estirpe de Ánxel Casal, de Álvarez Blázquez.

Como presidente da Academia abriuna ao país para que fose unha entidade vertebradora da nosa cultura, e para que unha institución con tanta raíz na historia da nación deixara de estar de costas ao país. Hai un antes e un despois da Academia coa chegada de Don Paco.

Ás veces falamos de persoas que foron moi importantes na construción da nosa historia nacional e ollamos a Don Paco como sen querer estar, como sen querer figurar, mais el é o que axuda a manter o lume aceso da nación cando todo se apaga polo mal vento do franquismo, el dá continuidade á cerna do galeguismo histórico para que o remol que el coida, non se apague e outra vez algún día volva ser lume aceso. Hoxe nós reivindicámolo como construtor da nación.

Quizais porque el foi militante nas filas do galeguismo durante o período republicano, nunca foi prexuizoso cos que dunha maneira ou outra traballamos na reivindicación dos dereitos nacionais.
A súa intervención en diversos proxectos colectivos que lideraron o proceso de restauración da cultura galega na posguerra dános idea da súa magna obra humana. Mais permítanme que cite algo en especial: era atento aos máis novos. Deu visibilidade a todos os que comezabamos sen nos pedir contas polo noso pensamento político. Todos eramos para el necesarios e sobre de todos os máis novos.

É autor dunha extensa obra. Todos traballos que daban unha vision colectiva do país. El foi un dos fundadores e fundadoras da nosa literatura nacional e, repetindo palabras súas no seu discurso de entrada na Academia no ano 1973, dende a AELG dicimos del:

Dos degaros e anceios deste home esgrevio, que andivo polos camiños de Galicia, con novo andar, estámonos alimentando nós en boa parte. Legáronnos ansia de coñecemento e superación, vocación de loita sabida previamente desigual, e os homes de hoxe, ao acatar este herdo, son a mellor proba da nobreza dos seus empeños.

Polo seu importante contributo á nosa cultura, Fernández del Riego foi recoñecido con numerosos galardóns, foi Membro de honra da AELG desde o comezo da súa existencia: foi sempre querido e respectado polos escritores e escritoras galegos.

Hoxe é un dos vintecatro anciáns do Pórtico da Gloria, da asemblea dos deuses abós que falan de dous en dous, que debaten sobre o destino do pobo da chuvia.

Con este Premio queriámoslle dicir: Don Paco: nomeámolo d’Os Bos e xenerosos porque queremos que saiba que sempre o quixemos pola súa honestidade, polo seu amor a Galiza, e querémoslle dar un abrazo cheo de tenrura dos que somos xeracionalmente os seus fillos e os seus netos, e querémoslle dicer que Vostede é o noso orgullo.

Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

Comparte nas túas redes sociais ou por email