Celebración do Día da árbore

Categoría: Nova

Mañá 22 de marzo, a Fundación Otero Pedrayo ten prevista unha actividade escolar para celebrar o Día da árbore.
Con este motivo, 175 estudantes dos colexios públicos de Amoeiro e Coles que actualmente cursan estudos de Educación Infantil e Primaria, viaxarán até a Casa Grande de Cima de Vila, en Trasalba, para visitar a casa de don Ramón Otero Pedrayo e realizar diversas actividades didácticas relacionadas co medio ambiente.
Os participantes chegan a casa familiar do escritor tras ter traballado cunha adaptación do conto "Meu irmán", escrito por Ramón Otero Pedrayo para contarnos a caída provocada por un furacán da árbore que seu pai, o médico e deputado provincial, Enrique Otero Sotelo, plantara no xardín de Trasalba o día que nacía o seu único fillo quen andando o tempo se había converter nun dos escritores máis importantes de Galicia.
A media mañá as pequenas e pequenos trasladaranse até o Amaral, unha finca veciña á Casa. Un terreo moi querido por Ramón Otero Pedrayo quen con frecuencia asinou os seus artigos xornalísticos en castelán baixo o pseudónimo de Santiago Amaral.
Alí, as nenas e nenos, coa axuda de especialistas da Consellería de Medio Ambiente, repoboarán a finca actualmente en desuso, plantando árbores autóctonas.
A Fundación Otero Pedrayo pretende concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de coidar o noso medio ambiente, respectando a nosa terra e a riqueza que pode xenerar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email