Cea literaria "García Barros"

Categoría: Nova

Os novelistas Xerardo AgraFoxo, Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Manuel Darriba, Jaureguizar, Xosé Monteagudo, Antón Riveiro Coello, Séchu Sende e Anxos Sumai, na compaña do crítico literario Xosé Manuel Eyré e mais dos editores Víctor F. Freixanes e Carlos Lema, que se encargou de conducir o debate, mantiveron un coloquio sobre "Ficción e verosemellanza: da imitación da realidade á novela histórica".

Durante a sobremesa da Cea Literaria que se celebrou na casa de turismo rural A Mimoseira, situada no lugar de Nigoi (A Estrada), os participantes intercambiaron opinións sobre a narrativa e, en concreto, sobre a novela, a súa función na sociedade galega de hoxe e as súas perspectivas de futuro. As relacións entre novela e Historia e novela e verdade, o papel da ficción literaria nunha sociedade coma a galega e as posibilidades do xénero narrativo para elaborar un referente colectivo que non limite a autonomía do escritor diante do texto foron algúns dos temas que xurdiron durante o coloquio, que se prolongou durante varias horas.

Pola súa banda, o alcalde da Estrada, José Antonio Dono López, salientou a importancia do Premio García Barros para apoiar e divulgar a obra dos escritores e escritoras galegos e tamén, a partir de iniciativas como a Cea Literaria, como ocasión na que propiciar o intercambio de opinións entre os diversos axentes implicados na creación, publicación e promoción da literatura galega. Amais do rexedor estradense asistiron á cea a tenente de alcalde, Raquel López Doce, o concelleiro de cultura, Manuel Sanmartín Obelleiro, e Valentín García Gómez, secretario do xurado do premio.

Comparte nas túas redes sociais ou por email