A semana pasada cumpríronse 25 anos da volta dos restos de Castelao a Galicia. Nun final de Xuño de 1984, nunha xornada non exenta de incidentes, o corpo do que probablemente é o autor máis emeblemático da nosa literatura, e unha das figuras centrais da nosa cultura, volvían a Compostela para ficar para sempre na nosa terra. Hoxe en día, a importancia da súa obra é incuestionable e, tanto a nivel de vendas como de influencia, a unanimidade sobre a calidade do seu legado é absoluta.

Editorial Galaxia ten no seu catálogo dende hai moitos anos a Biblioteca Castelao na que, en coidadas edicións, mantemos viva a obra literaria do autor de Rianxo ao tempo que se revitaliza e pon en actualidade en cada nova publicación unha escrita e unha maneira de ver e de entender a realidade que é faro para moitos galegos e galegas. Recentemente volveron saír do prelo dúas obras esenciais da súa produción.
Por unha banda, as clásicas "Retrincos" e "Un ollo de vidro", nun único volume en edición de Manuel Rosales. A lectura destas dúas obras explica por que Castelao é un autor reivindicado por todos os que escriben ficción na nosa terra, incluso polos autores e autoras que nos derradeiros tempos practican o microrrelato ou microficción. Nese senso, Castelao tamén foi mestre.

Por outra banda, da man da nosa editorial vén de saír novamente ás librerías "Os dous de sempre", orixinal de 1934 que Galaxia recuperara xa no ano 1967 e que é, sen dúbida, unha das obras máis difundidas de toda a historia da literatura galega. Pedriño e Rañolas son, sen dúbida, dous dos personaxes máis emblemáticos de toda a historia da literatura do noso país.

Un cuarto de século despois da súa volta, Castelao segue sempre en Galiza e no corazón de todos os lectores e lectoras galegos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR