A casa do terror gaña o Premio Martín Códax da Música 2019

Categoría: Nova

Péchase a VI Edición do Premio Martín Códax co galardón a Xoán Curiel e a Banda do Verán na categoría de música infantil pola súa  obra A casa do terror.
Estes premios da música galega, promovidos pola Asociación de Músicas ao Vivo nacen coa intención de dar visibilidade e recoñecer a diversidade e a calidade artística das producións musicais e de todo o sector musical galego. A celebración e entrega de galardóns deste ano tivo lugar onte no Pazo da Cultura de Pontevedra e o xurado, composto por profesionais do sector, elixiu ao xa consolidado artista do panorama musical galego Xoán Curiel como o gañador na categoría de música infantil.
A casa do terror, a obra premiada, é un libro-CD no que os monstros e as pantasmas cobran protagonismo nunha aventura na que o lector fará uns amigos de medo. A porta aberta a un mundo no que te sacarán a bailar e te farán rir e disfrutar.
Xoán Curiel é un dos maiores valores actuais da música galega. Na súa traxectoria artística destaca a súa versatilidade, participando como actor, músico, director, cantante ou bailarín. Realiza tamén concertos didácticos e espectáculos infantís dende o ano 2007. É autor de tres libro-discos da colección Sonárbore de Galaxia, Estamos no verán, Canta miña pedra canta. Homenaxe a Antonio Fraguas e A casa do terror.

Comparte nas túas redes sociais ou por email