Esta mañá, na Libraría Couceiro, tivo lugar a presentación ante a prensa da biografía Carlos Casares. Un contador de historias, asinada por Henrique Monteagudo. No acto participou tamén o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro. Este libro forma parte das iniciativas para conmemorar o Día das Letras Galega de 2017, dedicado ao escritor. Este é un libro no que vida e obra se iluminan mutuamente poñendo ao dispor dos lectores tanto os aspectos literarios coma os humanos da traxctoria do autor homenaxeado. Deste xeito, esta biografía que a un tempo retrato do personaxe e interpretación da significación da súa obra, convértese nunha achega imprescindible para entender tanto a historia da literatura máis recente, como a cultura e sociedade galega do tempo de Casares.

Carlos Casares (Ourense, 1941 – Vigo, 2002) foi membro da Real Academia Galega, presidente do Consello da Cultura Galega, presidente do PEN Clube de Galicia e director da Editorial Galaxia e da revista Grial. Ao seu primeiro libro Vento ferido (1967), seguiron as novelas Cambio en tres (1969) e Ilustrísima (1981), e entre os numerosos premios que recibiu pola súa obra, cómpre salientar o Premio Galaxia no ano 1976 pola novela Xoguetes para un tempo prohibido e o Premio da Crítica Galega polo libro de relatos Os escuros soños de Clío (1982). En 1987 publicouse Os mortos daquel verán e posteriormente as novelas Deus sentado nun sillón azul e O sol do verán, esta última de xeito póstumo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR