Carlos Casares, Otero Pedrayo e o viño do Ribeiro protagonistas dunhas xornadas

Categoría: Nova

Este mércores, 8 de novembro, terá lugar no Café Vitruvia de Vigo (Praza de Compostela, 5), unha das paradas das II Xornadas de Outono: cultura do viño e literatura.
Esta sesión das II Xornadas de Cultura do Viño e Literatura, promovidas polo Consello Regulador da D.O. Ribeiro, coordinadas polo profesor Xavier Castro, pretenden homenaxear en Vigo, a Carlos Casares e Otero Pedrayo, ilustres escritores galegos que tiveron vencellos na súa vida e na súa obra coa comarca do Ribeiro.
O profesor e autor desta casa Xavier Castro, historiador especialista na historia do viño, expoñerá a relevancia do viño do Ribeiro na andaina vital e na obra dos escritores Carlos Casares e Otero Pedrayo, intercalando as súas intevencións coa visualización de fragmentos de documentais e tamén cancións relacionadas con ambos escritores. Asi mesmo, comentará aspectos históricos da cultura do viño do Ribeiro, ilustrados cunha cantiga e un documental. Pola súa parte, Cristina Alcalá, xerente do Consello Regulador e considerada como unha das trece mulleres máis relevantes do mundo do viño en España, referirase á situación actual e perspectivas de futuro do viño do Ribeiro, marcadas polo seu Consello Regulador, e  fará tamén o comentario de cata dos viños etiquetados especialmente para este evento eno-cultural que haberá ocasión de degustar. Serviránse ademais petiscos de pan artesán, queixo e friames galegos de calidade para acompañar ós viños, pois, como sinalaba Otero Pedrayo, non é posible entender a Galicia do viño sen a Galicia do pan. A todo isto da dereito a inscrición que se efectuará no propio Café Vitruvia (Prezo: 9 euros) que ocupa, por certo, un espazo da memoria de Vigo, pois aquí se encontraba o vello café Alameda, onde Carlos Casares facía tertulia coa xente da Editorial Galaxia.
Vindeiros encontros coma este de Vigo terán lugar nas próximas semanas en Ourense, Santiago de Compostela e Madrid (os días 15, 17 e 20 de novembro, respectivamente).

Comparte nas túas redes sociais ou por email