Campus Morte gaña o Premio Frei Martín Sarmiento

Categoría: Nova

Campus Morte, a primeira novela de Lito Vila Baleato, resultou o pasado venres a obra gañadora do XV Premio Frei Martín Sarmiento na categoría de bacharelato e adultos. Un galardón que o autor recolleu nun acto celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
Deste xeito, o debut narrativo de Vila Baleato, que chegaba ás librarías a inicios do pasado 2018 e que non deixou de sumar lectores coa súa trama de crime e intriga, faise cun dos premios máis orixinais do panorama galego. O Premio Frei Martín Sarmiento, convocado polas Escolas Católicas de Galicia, é unha actividade de animación á lectura en lingua galega na que se propoñen unha serie de libros finalistas en diferentes categorías dende a Educación Infantil ata o Bacharelato que os alumos len ao longo do curso, e sobre os que emiten as súas valoracións para elixir o libro gañador en cada unha das diferentes categorías.
Cun lectorado que se conta xa por milleiros, este recoñecemento para Campus Morte axudará a achegar a obra de Vila Baleato aos máis novos devotos da novela policial.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email