Campus Morte finalista do Premio Frei Martín Sarmiento

Categoría: Nova

Campus Morte, a novela de Lito Vila Baleato, é unha das obras finalistas do XV Premio Frei Martín Sarmiento na categoría de bacharelato e adultos.
Deste xeito, o debut narrativo de Vila Baleato, que chegaba ás librarías a inicios deste 2018 e que non deixou de sumar lectores coa súa trama de crime e intriga, opta a un dos premios máis orixinais do panorama galego. O Premio Frei Martín Sarmiento, convocado polas Escolas Católicas de Galicia, é unha actividade de animación á lectura en lingua galega na que se propoñen unha serie de libros finalistas en diferentes categorías dende a Educación Infantil ata o Bacharelato que os alumos len ao longo do curso, e sobre os que emiten as súas valoracións para elixir o libro gañador en cada unha das diferentes categorías.
Os gañadores das distintas categorías daranse a coñecer no mes de maio. Ata entón, toda a fortuna para Campus Morte e Lito Vila Baleato.

Comparte nas túas redes sociais ou por email