Beramendi, Vence e Portero presentan o ensaio Tempos chegados?

Categoría: Nova

Justo Beramendi, Xavier Vence e José Antonio Portero presentarán cun debate aberto o ensaio colectivo Tempos chegados? Sobre o futuro político de Galiza mañá mércores, día 28 de outubro, ás 20h30 no espazo enocultural compostelán Vide Vide (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10). O acto, organizado conxuntamente por Editorial Galaxia e a agrupación cultural O Galo, contará tamén coa participación de Víctor F. Freixanes.

Tempos chegados? é un libro colectivo e plurilingüe, editado por Arturo de Nieves e Carlos Taibo, no que se presentan catro propostas sobre a forma de organización política da sociedade galega, tanto no momento actual coma no futuro. Dos catro ensaios recollidos neste libro, tres aséntanse na institución Estado, mentres que o cuarto e último defende un proxecto situado lonxe desa institución. Pola súa banda, entre os tres primeiros, dous entenden Galiza como unha parte do Estado español, mentres que outro considera, polo contrario, unha Galiza independente. Ten o seu interese salientar como cada un dos autores outorga, na súa análise, maior importancia a unhas ou a outras materias: o Dereito no texto de Portero, a Historia recente no de Beramendi, a Economía no de Vence e a Historia máis afastada no de Evans. Arturo de Nieves e Carlos Taibo deixan nas mans de quen lea determinar se as opcións lingüístico-ortográficas dos autores teñen algún significado salientable: Portero emprega o castelán, Beramendi e Vence sérvense do galego e Evans escribe en portugués

Comparte nas túas redes sociais ou por email