BENIGNO CAMPOS E MERCHI RODAL: DOUS LARPEIROS QUE ESCOLLEN OS SEUS MENÚS PARA FIN DE ANO

Categoría: Nova

Estas datas de festas préstanse para reunirse arredor da mesa e entregarse a algunhas alegrías gastronómicas. Sen pasarse, claro. Cun certo criterio. Non é cuestión de darse unha enchente que remate en desgusto.
E de cociñar con arte saben, e moito, o cociñeiro Benigno Campos e a reposteira Merchi Rodal. Ambos os dous, ben coñecidos pola súa participación no programa Larpeiros de Televisión de Galicia e tamén polos libros de receitas publicados con gran éxito pola Editorial Galaxia.
Os receitarios de Benigno son unha completa guía para encher a mesa de pratos tradicionais: capóns, peixes ao forno, bacallau, guisos de xarrete e mariscos.
O libro de Merchi -As lambetadas de Larpeiros- ofrece ducias de doces, cremas, biscoitos, roscóns e mil sobremesas nas que se repasa a repostería tradicional e se ofrecen tamén ideas orixinais.

Arredor dunha mesa ben servida, falamos con Benigno e con Merchi sobre a cociña das festas. E as respostas foron ben saborosas.

—Que ides preparar para despedir o ano?
BENIGNO CAMPOS: Moita xente pensa que nunha cea de festa ten que haber moito marisco. Pero non ten por que ser así. Ademais nestes días hai porezos que son un disparate. Así que vou preparar , e recoméndollo a todo o mundo, un rico bacallau. Nos meus libros teño moitas receitas de bacallau. Son un devoto dese produto que, ademais, pode prepararse de moi diversas formas.
-Cal é a túa favorita, Benigno?
-Gústame moito unha receita que coñecín no norte de Portugal e que agora é unha das miñas preferidas: feito cunha codia de pan de broa. Resulta moi orixinal e riquísimo, porque a capa de pan axuda a que o bacallau conserve todo o seu sabor.
MERCHI RODAL: Na miña casa son a que se encarga das sobremesas…. Faltaría mais! E xa teño elixidas as destes días. Para a noite de fin de ano vou preparar un turrón caseiro, tipo guirlache, feito con améndoas e caramelo cun toque de mel, e unhas peras en viño tinto, usando un mencía rico, con azucre e canela. Tamén farei unhas madalenas con mel e abelás para comezar ben a mañá do día primeiro do ano.
-O día de Reis tocará pensar especialmente nos nenos, non?
-Si, ese día sempre me piden na casa un brazo de xitano, como o que sae na portada do libro As lambetadas de Larpeiros. É moi sinxelo de facer e está moi bo, cun recheo de marmelada de amoras e compota de mazá.
-Tedes algunha tradición especial na vosa casa?
BENIGNO CAMPOS: Na miña non pode faltar un cocido nalgún destes días. Ou polo menos un lacón con grelos.
MERCHI RODAL: Eu sempre prepararo un suflé con lume, unha sobremesa tradicional que miña nai facia cando eu era nena, e coa que os cativos quedabamos abraiados. É un suflé doce que se presenta na mesa con lume, queimando un pouco de ron e azucre. Apagas a luz e o espectáculo está asegurado! Tamén deixarei preparado uns coulant de chocolate, que é un biscoito recheo de chocolate que se serve xusto ao sacalo do forno, cando o chocolate do interior aínda está fluido. Pode facerse por adiantado e metelo no conxelador, con darlle uns minutos de forno momentos antes de servilo xa "resucita".
-A noite de Reis é complicada para as sobremesas… ten que quedar algo para que poidan comer os Reis Magos!
BENIGNO CAMPOS: Unhas chulas de cabaza son unha lambetada moi tradicional e que gusta a todo o mundo: aos Reis, aos seus paxes…. ata aos camelos!
MERCHI RODAL: Eu estou pensando en facerlles un pastel de froitas, cunha base de masa quebrada, un pouquiño de crema pasteleira polo medio e unhas froitas de tempada adornando por riba (son os pasteis que máis me gustan!). Ou un flan de laranxa, que lle encanta ao meu pai. Malo será que non quede algo para os Reis Magos e os seus paxes.
—Que vos gustaría que o outro vos preparase para estas datas de comidas e ceas navideñas?
BENIGNO CAMPOS: Eu téñoo clarísimo! A min o que me gustaría é que Merchi me preparase unhas cañitas, pero ao seu xeito…. en vez de crema pasteleira ponlles unha crema de castañas que está riquísima…. No Carballiño, que hai grandes expertos en cañitas, xa están pensando en copiarlle esa crema de castañas! E a ti, que che prestaría que cociñase eu para ti?
MERCHI RODAL: Sen ningunha dúbida un guiso de polo con champiñóns … porque Benigno fai uns guisos que están de morte! A paleta de porco asada ou as perdices con fabas de Lourenzá tampouco quedan atrás… Eu sempre consulto os teus libros para facer estas cousas….
—Que é o que, segundo a vosa opinión, non pode faltar na mesa das festas en Galicia?
BENIGNO CAMPOS: A familia e os amigos. Despois, se hai marisco, ou polo, ou ollomol será ben recibido. E un bo viño da nosa terra. Eu ultimamente estou probando uns ribeiros que me teñen completamente namorado.
MERCHI RODAL: Como nestas datas hai mariscos cun prezo imposible, uns mexillóns ou unhas ameixas á mariñeira son unha opción máis que recomendable! Por suposto, o que non pode faltar na mesa son doces feitos na casa. Non hai mellor maneira de demostrar o amor aos teus que cunha sobremesa feita con todo o cariño do mundo! Como eu sempre digo: cociñar doces e lambetadas é unha maneira feliz de pensar nas persoas que máis queres. E tamén un viño galego para acompañar os doces: un tostado do Ribeiro, que é unha xoia descoñecida para moitos, pero que está entre os mellores viños doces de Europa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email