Avance: Novidades literarias Galaxia 2020

Categoría: Nova

O ano 2020 vai ser un ano moi especial para a nosa editorial pois cumprimos 70 anos de historia. De seguido, un avance dalgúns dos títulos que imos publicar no primeiro trimestre deste ano que está a piques de comezar.
A Editorial Galaxia cumpre 70 anos de vida dende o seu nacemento en 1950 e non podemos estar máis orgullosos deste fito, nun momento no que tamén se celebra o centenario da Xeración Nós. Sen dúbida, será unha época moi fermosa e axitada na que figuras como a de Ricardo Carvalho Calero, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2020, terá moito protagonismo na editorial. Apoiándonos nos cimentos do pasado, pero cos ollos postos no futuro, no primeiro trimestre do curso publicaremos títulos da súa autoría como Xente da Barreira ou Historia da literatura galega. Henrique Rabuñal asina a biografía de Carvalho, titulada Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia reeditará tamén o título Conversas con Carballo Calero de Carmen Blanco. Outros autores clásicos como Otero Pedrayo terán un enorme protagonismo con libros como Lembranzas do meu vivir.
Serán moitos os títulos, en 2020, arredor do centenario da Xeración Nós. Entre outros publicaremos unha Antoloxía Nós a cargo de Patricia Arías Chachero.
Outros dos títulos que sairán este ano, serán Ler en violeta, de Montse Pena Presas, e no ámbito infantil e xuvenil, Rimaletras, de Mar Guerra, Teño oito anos e quero ser youtuber, de Xoán Babarro, Porque te quero, de Baldo Ramos, Carabela, de Paula Carballeira, ou Nomes, de Xoán Carlos Domínguez Alberte.
Galaxia publicará tamén, no eido literario para adultos, Virtudes (e misterios), Premio Blanco Amor 2018, de Xesús Fraga, Tantos anos de silencio, de Francisco Castro ou O libro da filla, de Inma López Silva.
Fito especial será unha nova edición de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, unha edición ilustrada polo seu 50 aniversario na nosa Editorial, a cargo de Diego Estebo.
Completan a proposta un poemario de Isaac Xubín, Árbores no deserto, de Rosalía Fernández Rial, Distancias, de Tamara Andrés e Marcos Viso, A noite da deusa, de María López Sández, Ti, de Ánjel Lertxundi, o segundo tomo da biografía de Castelao, de Miguel Anxo Seixas, o libro-disco Cantos que contan, de Fina Casalderrey e Néstor Blanco ou O enigma do baúl pechado, Premio Carlos Mosteiro 2019, de Xosé A. Neira Cruz.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email