Ás veces quero morrer coa risa

Categoría: Nova

'Ás veces quero morrer coa risa' conta a historia dun rapaz de 16 anos ao que lle diagnostican un cancro termial.
O protagonista non é capaz de pensar con claridade diante da tremenda realidade, nin entender por que ten que morrer tan novo con todo o que lle queda por vivir: ter noiva, o primeiro coche, ir a concertos…, en definitiva, todo o que calquera adolescente devece por facer. Séntese furioso, desvalido e enganado pola vida. Todo semella inxusto. Ten que decidir onde pasar o tempo que lle queda, se seguir no hospital, onde está rodeado por persoas que comparten o mesmo fado, ou marchar cos seus pais. Mais coñece a Henene, unha rapaza que está aínda máis enferma ca el. Así, coa aparición do amor, descobre un posible sentido para o tempo que lle queda: quere pasalo con Helene.
O libro, que publicamos na nosa colección Costa Oeste pensada para un público xuvenil, é da autoría das escritoras alemás Nina Stahl e Birgit Schliper.
Birgit Schliper naceu no ano 1968 en Iserlohn, vive coa súa familia en
Zumikon (Suíza). Estudou Americanística, Filoloxía Románica, Filoloxía Inglesa e traballaba como xornalista. Dende 2004 traballa como autora e redactora cultural e foi premiada varias veces.
Nina Stahl naceu no ano 1977 en Münster, vive coa súa familia preto de Dortmund. Estudou ciencias pedagóxicas e traballa de 2002 a 2009 como pedagoga na sección de hematoloxía/ oncoloxía pediátrica na clínica universitaria en Münster.

Comparte nas túas redes sociais ou por email