As Maimiñas en Mos

Categoría: Nova

Este sábado, ás 20 horas, no Multiusos das Pozas (Petelos-Mos), As Maimiñas presentarán oficialmente, cun concerto, o seu novo traballo, publicado na colección Sonárbore da Editorial Galaxia e titulado 'Unha viaxe polo mundo'.
As Maimiñas son Lucía Lago Fernández e Irene Álvarez Lago, ou o que é o mesmo, Mai e Miña.
Son dúas mosenses que un día, para celebrar a Semana da Familia nos coles dos seus fillos, decidiron actuar para eles. Foi entón cando decidiron facer o que querían que visen os seus nenos: un espectáculo de música e contos nos que eles puideran participar activamente.
Así, no mes de abril de 2011 naceron As Maimiñas.
Dende entón, e case sen decatarse, algo que comezou como un xogo, converteuse en parte da súa vida profesional. As súas aventuras téñenas levado ata o de agora por auditorios, asociacións e moitos coles de toda Galicia.
‘Unha Viaxe polo mundo’ é o seu primeiro traballo publicado e con el ven cumprido un dos seus soños. Este sábado presentarase oficialmente en Mos, a súa terra de orixe, acompañadas polo editor Francisco Castro. A entrada é de balde ata completar aforo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email