As letras de Piñeiro

Categoría: Nova

O Consello da Cultura Galega e a Fundación Penzol asinaron onte un convenio para organizar, catalogar e dixitalizar os fondos documentais, nomeadamente o epistolario, de Ramón Piñeiro, depositados na Fundación. A sinatura tivo lugar no Consello da Cultura Galega coa participación de Ramón Villares, Presidente da institución, e Alfonso Zulueta de Haz, Vicepresidente do Padroado da Fundación Penzol, radicada en Vigo.
As investigacións relacionadas coa ordenación, catalogación e dixitalización do legado documental de Ramón Piñeiro desenvolveranse no último trimestre do ano 2009. Trátase de poñer a disposición dos investigadores un legado importante, particularmente na súa extensa e rica dimensión epistolar, para o coñecemento da cultura galega contemporánea.
Con esta importante iniciativa, o legado de Ramón Piñeiro segue a acrecentar a súa dispoñibilidade para todos os que desexen seguir profundando no coñecemento do seu pensamento e do seu contexto vital.

Comparte nas túas redes sociais ou por email