As laranxas seguen sendo as máis laranxas

Categoría: Nova

Estes días chega de novo ás librerías de Galicia "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas", obra de teatro de Carlos Casares nunha nova edición en Árbore Laranxa coas clásicas e vistosas ilustracións de Luís Seoane.

Este libro, editado por primeira vez en 1973 é con diferenza a obra de literatura dramática para cativos máis representada na historia do noso país. Aínda hai un par de tempadas, o Centro Dramático Galego puxéraa en escena con grande éxito de público e crítica e, sobre todo, dos máis pequechos da casa, para quen Casares escribira a obra.
Porque Carlos Casares foi, ademais dun entregado editor de literatura infantil e xuvenil, un escritor moi consciente da necesidade de fornecer ás casas galegas de textos para os lectores en formación. Dese anceio nacerán toda a serie protagonizada por Toribio, a súa tradución d'O Principiño, e estas laranxas de zume gorentoso.

Porque este libro é, sobre todo, un texto pensado para divertir, para ler e para gozar sobre as táboas.

Unha historia saborosa. Coma o zume das boas laranxas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email