Se fose necesario “Un lugar no mundo”

Manuel Núñez Singala é autor de ampla e sólida traxectoria. Un cuarto de século publicando narrativa, teatro e ensaio confírmano como unha referencia no panorama literario galego dos últimos lustros, nos que a súa escrita foi madurecendo e diversificándose.

Un bo exemplo desta aposta pola exploración de novas vías constitúeo Camiños na auga, a súa máis recente novela, onde deixa atrás o relato de pivote sociolingüístico e argamasa humorística que caracterizaba gran parte das narracións de Menú de enganos (2010) ou Instrucións para tomar café (2014) e mesmo de textos teatrais como Comedia bífida (2007) para abrirse a outros mundos creativos de xorne ben diferente.

Camiños na auga toma como referente temático a tráxica situación dos albinos en África, condenados por mor da súa singularidade xenética a unha existencia ameazada por cazadores que os perseguen para asasinalos e, unha vez despezados, comerciar coas distintas partes do seu corpo nun mercado negro que deixa pingües beneficios a estes sicarios, que os matan e venden aproveitándose da superstición e irracionalidade máxica dos compradores.

A historia de Szymo, o mozo protagonista da narración, é, por tanto, o relato dunha fuxida, a da morte segura que o agardaba na súa Tanzania natal, para tratar de chegar a Europa e procurar, así, unha vida posible. O que lle acontece en tal éxodo —cruzando o ecuador africano ata a beiramar do Congo e logo na viaxe dende as costas de Mauritania ata as Canarias— constitúe a cerna destas páxinas.

Non é a primeira vez que a temática africanista se aborda na nosa literatura. Velaí os están As florestas do Mañuema (1988) de Xosé Manuel Martínez Oca; Baixo o sol do Magreb (1998) de Víctor Campio Pereira; Calella sen saída (2001) de Víctor Omgbá ou Tanxerina (2006), de Mario Regueira. E tamén textos infantoxuvenís como Sempre Hausa (2004), de Xoán Babarro; O paxaro de mel (2006), de Adolfo Caamaño (2006); A mulema fala (2006), de Xosé Lois García; Lúa de Senegal (2009), de Agustín Fernández Paz; Costa necrópole (2010), de Mariña Pérez Rei; Na cerna da selva (2010), de Pere Tobaruela ou Palabras de auga (2012), de Marcos Calveiro, entre outros. Mais a orixinalidade de Núñez Singala reside no punto de vista da narración, na abordaxe deste mundo dende os ollos dun tanzano e non dun europeo, contando o que na súa viaxe por África lle acontece e non a vida dun subsahariano no hemisferio norte, pero tendo sempre como pedra de toque para o contraste a esperanza dese futuro idealizado en terras boreais.

De por parte, Camiños na auga é proposta literaria que se resiste a unha doada taxonomía subxenérica, pois participa por igual da narración de aventuras, a novela social, a de iniciación e mesmo o relato de viaxes, mais isto último dun xeito xenuíno, xa que aquí hai tanto ou máis de viaxe interior que de periplo físico.

Unha viaxe interior que se cifra na redefinición do eu como proceso, unha sorte de identidade líquida tal como a entende Bauman, que aquí fica balizada nese seu fluír heracliteano pola alteridade, a relación cos outros, o vincallo que ata e condiciona socialmente o individuo. Por tanto, o motor desta problemática é o desexo da aceptación da diferenza, a ansia de integración e de normalidade que o protagonista albino procura devecidamente. Nesta súa odisea aventureira irá descubrindo o fondo da natureza humana, coas súas miserias e grandezas, comprendendo que a bondade universal escintila aquí e acolá, mais tamén que homo homini lupus, que atopar un lugar no mundo non é doado, pero que por iso, precisamente, a nosa capacidade para a loita e a superación é grande.

Narrada con indubidable oficio, posuidora dun lirismo sobrio nas descricións e (re)creación de atmosferas, especularmente verosímil nos diálogos e, sobre todo, hábil na dosificación da progresión da intriga, Camiños na auga demostra que Manuel Núñez Singala resulta sempre un oasis no que abeberar na cartografía literaria galega.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR