Deixe a súa mensaxe despois do sinal finalista do Premio Novela Europea

Categoría: Nova

Días antes do Nadal soubemos da marabillosa nova: Deixe a súa mensaxe despois do sinal, a exitosa novela de Arantza Portabales era única finalista en galego dunha anovada edición do Premio Novela Europea Casino de Santiago.
A carón de Perdón, de Ida Hegazi Hoyer; Recursos inhumanos, de Pierre Lemaitre; Tierra de campos, de David Trueba; e Toda una vida, de Robert Seethaler; Deixe a súa mensaxe despois do sinal pecha o grupo de novelas finalistas desta decimocuarta edición que pretende implicar ás librarías da cidade e á biblioteca municipal Ánxel Casal, convertendo o premio nun motor de fomento da lectura na cidade a través da creación de clubs onde se analizarán máis a fondo as cinco obras propostas.
Para a elección da gañadora teranse en conta os votos do público xeneral (30 %); os socios do Casino (20 %) e o das dez persoas representantes de diferentes sectores sociais da cidade (50 %). Esta edición conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña.
Deixe a súa mensaxe despios do sinal, que xa fora finalista do Premio San Clemente, está traducida ao español, italiano e hebreo. Contada dun xeito abraiante,  nesta a súa segunda novela, Portabales elixe catro voces de muller, as de Marina, Carmela, Sara e Viviana, que deixan mensaxes nun contestador e van tecendo así unha única trama. Historias de moitas almas que imos construíndo a medida que escoitamos o que se deixa nun aparello, frío, que, con todo, está cheo de vida, das vidas, ás que a autora fai brillar cun lume de palabras que non nos deixará indiferentes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email