Anxos Sumai e Séchu Sende, premiados na Noite da Edición

Categoría: Nova

Arredor de trescentas persoas participaron na velada, na que se homenaxeou de xeito especial a tres editoras galegas que cumpren anos nestas datas: Biblioteca Gallega, de La Voz de Galicia, Editorial Alvarellos e A Nosa Terra. A cea literaria celebrouse na Casa dos Peixes, na cidade da Coruña. Ademais destes galardóns, concedéronse premios a Xavier Senín e Isabel Soto, pola tradución de A odisea dirixida ao público infantil (Rodeira), Carlos Silvar como ilustrador de Guía dos mamíferos de Galicia (Baía Edicións), Agustín Fernández Paz por O único que nos queda é o amor (Xerais) e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, organizado polo concello de Pontevedra, como mellor iniciativa de promoción do libro e a lectura.

Anxos Sumai (Catoira, 1962) foi galardonada como Mellor Escritora do Ano. Recentemente Editorial Galaxia publicou na colección Literaria o seu último libro, Así nacen as baleas (Premio de Narrativa Breve Repsol YPF) e anteriormente a mesma autora recibiu o Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres, organizado polo Concello de Cuntis e a Universidade de Santiago de Compostela, recoñecemento da súa actividade xornalística sobre todo na web. Dous galardóns importantes no mesmo ano, ao que se suma agora esta nova distinción.

Séchu Sende (Padrón, 1971) gañou en 2004 o Premio Blanco Amor coa novela Orixe e ultimamente publicou tamén en Galaxia Made in Galiza. Este foi o libro elixido polos editores como o Libro do Ano. Libro de humor. Historias orixinais, sorprendentes, intelixentemente artelladas, que amosan unha maneira distinta de entender o mundo, moi especialmente o mundo concreto dos nosos días, a Galicia do noso tempo, con atención especial (e crítica) á situación da lingua galega. "Un libro contraditorio, inocente, perverso, transgresor, estimulante, imaxinativo e rebelde". Así o calificaron os críticos.

A noite foi clausurada polo presidente da Asociación Galega de Editores, entidade organizadora do evento, cunha intervención na que reivindicou a necesidade dunha política activa, decidida, a prol da lectura e o libro galego. "Unha política que debemos facer xuntos: administración, autores, medios de comunicación, editores e lectores, para soñar un futuro máis noso, máis intelixente, máis libre", explicou o presidente. A Noite da Edición vén ser cada ano a festa do libro galego, da man dos editores. A próxima convocatoria, na que a AGE conmemorará ademais 25 anos de existencia, celebrarase na cidade de Vigo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email