Antonio Piñeiro recibe o Premio García Barros

Categoría: Nova

Con asistencia de autores e autoras da narrativa galega, moitos deles premiados en edicións anteriores do "García Barros", un ano máis a vila da Estrada converteuse por unhas horas na capital da novela en lingua galega. Antonio Piñeiro recibiu o premio literario, dotado con 9.000 euros, a a entrega dos primeiros exemplares da edición de "As fiandeiras", unha das novidades editoriais do próximo Nadal.
O alcalde da Estrada, institución promotora do Premio García Barros, e o director xeral de Galaxia foron os encargados de entregar o premio. A familia do escritor García Barros, que dá nome ao certame literario dende hai 23 anos, asistiu tamén aos actos, xunto con veciños da vila, medios de comunicación, autoridades provinciais, críticos literarios e músicos do conservatorio municipal, que amenizaron o acto.
Unha historia inspirada na Galicia rural do século XIX e protagonizada por mulleres, escrita dende a paixón da literatura e coa esixencia de quen cre nas palabras como o gran espazo da creación", anunciou o autor.
O alcalde da vila da Estrada, Xosé López Campos, reafirmouse na continuidade do certame, que xa está convocado para a próxima edición. "Non é posible entender a narrativa galega contemporánea sen este premio", explicou o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes,"que aposta pola excelencia en tempos de crise, tempos que nos obrigan a todos a ser cada vez máis esixentes co noso traballo: autores, escritores e editores".
Como noutras ocasións, os autores e algúns críticos reuníronse despois co premiado e o editor literario de Galaxia, Carlos Lema, nunha cea literaria. "Unha novela breve, pero intensa, coa calidade do texto elaborado co estilo dun autor maduro que ha de ofrecer, sen dúbida, futuros textos de interese para a nosa literatura e que, como tal, enriquece o noso catálogo", declararon os editores. Inma Otero, en nome do xurado, leu a acta do fallo e salientou os valores da novela, que recibiu o premio por unanimidade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email