Con motivo da homenaxe a Antonio Fraguas polo Día das Letras Galegas, presentamos dende Galaxia as principais novidades que se publicaron ao longo de ano arredor do autor.

Antonio Fraguas. Mestre da memoria, de Malores Villanueva Gesteira é a única biografía sobre este autor destinada a un público adulto. Esta obra marca unha viaxe polo século XX da man de Antonio Fraguas cun estilo áxil, nun relato ateigado de anécdotas que non renuncia ao rigor documental.  O seu labor investigador, a súa entrega á docencia, as súas facetas de primeiro locutor de radio ou de director do Museo do Pobo Galego, incluso a súa incursión cinematográfica, son algunhas das súas páxinas.

Do propio homenaxeado, Cantigueiro de Cotobade é, nas palabras do autor “unha contribución ao cancioneiro galego”. Oradaladou pon a música a trece cantigas recollidas noutros tantos lugares da comarca de Cotobade, a terra natal de Antonio Fraguas. En Notas compostelás, publicado xunto ao Consorcio de Santiago, recuperamos dous dos seus textos: un sobre a vida colexial en Santiago, cun repaso ás principais figuras da cidade e as institucións, así como os apuntamentos sobre a historia da Sociedad Amigos del Arte de Santiago de Compostela. Romarías e Santuarios é un amplo traballo sobre as romarías e santuarios máis significativos de Galicia. Un percorrido histórico e unha guía útil para o coñecemento dunha parte importante do noso patrimonio espiritual. Finalmente, en Do tempo e dos astros achegámonos a dous traballos singulares do mestre galeguista: “O culto aos mortos” e “Preocupación polo tempo e os astros na crenza popular”, obras moi distantes no tempo que nos mostran o mellor da produción de Fraguas. Estas catro obras forman parte da colección Biblioteca Antonio Fraguas, creada expresamente este ano por mor da celebración do Día das Letras Galegas en homenaxe a este autor.

 E para os máis pequenos tamén temos un par de novidades. Canta, miña pedra, canta, de Xoán Curiel, é un libro-disco co que os nenos poderán achegarse á cultura galega coñecendo máis en profundidade a figura de Fraguas, tanto a través das versións dalgunha das súas cantigas como con letras inspiradas na súa figura. As vidas de…Antonio Fraguas, de Xosé A. Neira Cruz é unha biografía novelada chea de aventuras na que os rapaces coñecerán as moitas vidas dun home que fixo moitas cousas e sen o cal é imposible entender a Galicia dos nosos días.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR