Antón Riveiro Coello

Categoría: Recensión

Viaxes no scriptorium, a última novela do norteamericano Paul Auster é fundamentalmente unha claustrofóbica alegoría do proceso creador do escritor. O protagonista Sr. Blank, é un ser desmemoriado que aparece nun cuarto, baixo a vixilancia de cámara e micrófono. Sobre o escritorio están pousadas algunhas fotografías e unha mada de folios. Algúns obxectos teñen unhas etiquetas elementais e pouco máis. Persoas que entran e saen e poñen medras na sensación de culpa do personaxe, de lle ter feito mal a moitas persoas. Unha voz múltiple é a que dá en nos narrar todo o proceso de reconstrución identitaria deste home con tantas resonancias beckettianas. Así mesmo, conforme o lector vai lendo sente o mesmo rastro de angustia, de perda ou extravío que sufría o Joseph K. kafkiano. Este é un dos méritos da novela, que non o único. Para os que somos lectores habituais de Auster, este libro supón tamén un exercicio de recomposición, un crebacabezas que nos entrega a unha especial complicidade, xa que o libro é unha viaxe autorreferencial por obras anteriores. Con habelencia e certa obsesión, o autor bota man de personaxes doutras novelas súas e dialoga con eles asumindo unha responsabilidade porque, como el di, crear personaxes non é unha acción gratuíta. De calquera maneira, neste xogo metaficcional non hai atranco para o lector que se achegue por vez primeira ao mundo de Auster. O mecanismo da novela funciona do mesmo xeito, con suficiente independencia, porque a novela é moito máis que un xogo de espellos; é tamén unha reflexión sobre a vellez e a soidade do escritor diante dun folio en branco no que procura ordenar a vida. Nesta extraordinaria novela, exquisitamente traducida por Eva Almazán, hai parábolas políticas, intriga, unha escrita elegante e fresca, un striptease literario que deixa a alma espida do autor e permite viaxar polos escuros labirintos da súa propia mente.

Comparte nas túas redes sociais ou por email