Antón Riveiro Coello presentou, na Coruña, O paraíso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019, xunto con Álex Alonso, que presentou Granito (Xerais).

Acompañando o autor, asistiron o deputado de Cultura Xurxo Couto Rodríguez, Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia e Fran Alonso, director de Edicións Xerais de Galicia.

Marzo de 2016, en plena guerra de Siria, a cidade de Alepo está dividida en dúas partes enfrontadas. No lado rebelde, a activista Amira loita por informar o mundo desde dentro da guerra e visita un orfo rescatado baixo os cascallos; no lado do réxime, Isam, un químico que traballa nunha fábrica de xabón, teme a notificación do Goberno para engrosar as filas do exército. Ao mesmo tempo en Bruxelas, días antes do atentado terrorista de Zaventem, Alicia topa indicios desacougantes que a fan temer pola vida da súa parella.

Tecida a partir destas historias, O paraíso dos inocentes é unha viaxe á cerna da destrución provocada polo conflito sirio e á traxedia dos refuxiados, ao tempo que un canto emocionado á solidariedade, á esperanza e á liberdade.

Novela envolvente, na liña doutras obras do autor, como As rulas de Bakunin e Laura no deserto, escrita desde o interior de personaxes que atravesan o horror cos ollos abertos e buscan un exorcismo na loita, no exilio ou no compromiso solidario. Intentos deseperados de axustaren toda a dor á expectativa dunha reconstrución.

Antón Riveiro Coello naceu en Xinzo de Limia, no ano 1964. Cursou estudios de Dereito na Universidade de Santiago e actualmente traballa na administración autonómica. Riveiro Coello é un dos narradores máis premiados dos xurdidos na literatura galega durante a pasada década. Ademais dun gran número de relatos en libros colectivos e revistas literarias ten publicadas as novelas Valquiria (1993, premio Camilo José Cela), A historia de Chicho Antela (1997), A quinta de Saler (1999), coa que foi finalista do premio Torrente Ballester, así como as recompilacións de relatos Parque Central (1996) e Airadas de palabras (1998), onde se recollen os contos que lle foron premiados nos certames Manuel Murguía e Modesto R. Figueiredo entre os anos 1991 e 1997. Con Animalia (2000) obtivo o premio Café Dublín corrrespondente a 1999. As rulas de Bakunin recibiu o premio García Barros en 2000, ano no que tamén logrou o Álvaro Cunqueiro de Narrativa con Homónima.

En 2007 publica en Galaxia A voz do lago, novela coa que se adentra na creación literaria para os lectores máis novos, e na colección Literaria Os ollos de K.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR