A ferida do vento de Antón Riveiro Coello é a obra gañadora do XIV Premio Frei Martín Sarmiento na categoría de bacharelato e adultos.

A última novela de Riveiro Coello ata a data, de quen chegou ás librarías a finais do pasado ano a colección de microrrelatos Á sombra dos bonsais, consegue alzarse cun dos galardóns máis orixinais do panorama literario galego dos últimos anos. O Premio Frei Martín Sarmiento concibido coma unha actividade de animación á lectura en lingua galega, parte da proposta dunha serie de libros finalistas en diferentes categorías dende a Educación Infantil ata o Bacharelato que o alumnado le e comenta ao longo do curso, e sobre os que emite as súas valoracións para elixir o libro gañador en cada unha das diferentes categorías.

Antón Riveiro Coello fixérase xa co galardón grazas á novela Laura no deserto (2011), e repite desta volta con A ferida do vento, que suma xa catro reimpresións dende que chegase ás librarías en outubro de 2016, e que non deixa de sumar lectores. É esta unha novela de formación, escrita cunha ollada lírica e sensible, onde o autor limiao non só nos ofrece un fresco humano da súa vila, poboada de personaxes memorables entre os que figura o escritor Carlos Casares, senón tamén a reprentación exquisita do paso da infancia á adolescencia.

Os nosos parabéns ao autor e non perdades a oportunidade de lela!

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR