Antón Riveiro Coello, fillo predilecto de Xinzo

Categoría: Nova

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) converteuse o pasado xoves en Fillo Predilecto de Xinzo de Limia. Un dos autores máis galardoados da nosa literatura recibe así o recoñecemento da vila que o viu nacer hai medio século.
O Concello de Xinzo de Limia e os veciños rendéronlle así homenaxe no auditorio Ángel Cocho Ferrero -situado na casa de cultura municipal- o pasado xoves, véspera do Día de Galicia. Na cita procedeuse a entregar a Antón Riveiro Coello o título de «fillo predilecto de Xinzo de Limia» e levouse a cabo a lectura dunha selección de textos das súas obras, pechándose o acto coa actuación do Coro Aimil. Logo, o programa de actos tivo continuidade no edificio da Escola de Gaitas, casa cultural Antonio Rodríguez González. Neste lugar descubriuse unha placa conmemorativa na que se lembra que esa foi, no ano 1964, a casa natal do escritor. Pecháronse os actos de homenaxe a Antón Riveiro Coello coa interpretación do himno galego a cargo do Coro Aimil e un convite de petiscos e viño.

Comparte nas túas redes sociais ou por email