Onte, martes 28 de maio, tivo lugar na sede de Afundación na rúa do Vilar de Santiago de Compostela un encontro arredor das obras e autores galardoados cos Premios da Crítica Española en lingua galega: a novela Extraordinario de Antón Lopo e o poemario Tempo fósil de Pilar Pallarés.

O acto, organizado pola Asociación Galega da Crítica (AGC) e o Ateneo compostelán, reuniu a numerosas persoas vinculadas ao ámbito da cultura, así como a diferentes representantes da entidade que outorga o premio en colaboración coa Asociación Española de Críticos Literarios (AECL). A presentación do encontro correu a cargo do poeta e crítico Mario Regueira, presidente da AGC, quen deu lectura ás actas do xurado. Tamén formaron parte desta entrega de premios a teórica literaria Carme Fernández-Pérez Sanjulian e a poeta, xornalista e recente académica da RAG Ana Romaní, que se encargaron de facer a loa dos galardoados. Precisamente Romaní foi a responsable de glosar a longa e polifacética traxectoria de Lopo como poeta, narrador, xornalista e director. O escritor monfortino agradeceu nun breve discurso o valor que se lle dera á súa obra e dedicou unhas palabras ao labor que a AGC desenvolve pola cultura galega.

Extraordinario é unha novela sobre as relacións familiares e o amor, sobre a aprendizaxe de vivir, a identidade, a liberdade e o pracer. En palabras da Asociación Galega da Crítica “Extraordinario (…) soborda con moitos coidados o complexo urdio das relacións interpersoais para internarse na conformación mesma da identidade. Na obra reaparece o persoal caudal léxico do autor, o seu habitual dominio do ritmo e da sintaxe, así como un humor e ironía capaces de turbar ou conmover. A voz do narrador protagonista ofrece un retrato descarnado dalgunhas personaxes, ao tempo que estetiza parodicamente escenas do pasado. Amena e fluída, a obra referenda o oficio literario dun autor poliédrico”.

Publicado por Galaxia en novembro de 2018 e galardoado anteriormente co Premio Narrativa Breve Repsol 2018, Extraordinario recibe agora un galardón co que a Asociación Española da Crítica valora a asombrosa eficacia narrativa de Antón Lopo, así como a súa capacidade para construír personaxes que se gravan na nosa memoria en trazos indelebles, entre xogos conmovedores de ironía e humor. Parabéns!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR