Antía Cal, Premio Trasalba 2012

Categoría: Nova

A Fundación Otero Pedrayo entregará á pedagoga Antía Cal Vázquez (A Habana, 1923) o Premio Trasalba, que se concede anualmente o derradeiro domingo do mes de xuño a una persoa vencellada ao galeguismo e á difusión da cultura galega. En xuntanza ordinaria, atendendo as diversas propostas recibidas e conforme dispoñen os estatutos, o equipo de goberno da Fundación decidiu por unanimidade a concesión do devandito galardón á insigne pedagoga, atendendo os méritos que de seguido se indican.
Antía Cal Vázquez naceu na Habana o 18 de abril de 1923 nunha familia de emigrantes orixinaria de Muras (Lugo). Aos nove anos voltou a Galicia, estudou o bacharelato, fíxose mestra e licenciouse en Xeografía e Historia no ano 1945. Casada con Antón Beiras García, galeguista de esquerdas e oftalmólogo, co apoio do seu home e dos seus pais fundou en 1961 o Colexio Rosalía de Castro de Vigo, centro no que se formaron varias xeracións.
O Colexio Rosalía, pioneiro da renovación pedagóxica e centro de sensibilización galeguista en tempos difíciles (os anos da ditadura), foi en Galicia un centro de irradiación progresista das novas tendencias da educación, baixo a inspiración do colectivo catalán Rosa Sensat, que encabezaba daquela Marta Mata. Xunto co Centro de Estudos Fingoi en Lugo, constituíu unha experiencia singular e, naquel tempo sobre todo, extraordinaria.
Antía Cal publicou en Galaxia o seu libro de memorias "Este camiño que fixemos xuntos", no que evoca a súa vida e a súa dedicación ao ensino. Os seus alumnos e alumnas gardan un recordo inesquecible dela. O equipo de goberno da Fundación Otero Pedrayo valorou moi especialmente estes aspectos: unha muller emprendedora que nunha época con tan poucos horizontes soubo prender un lume de esperanza, de formación e información nas novas xeracións de rapaces, moitos dos cales ocuparon e ocupan postos relevantes na vida social, cultural e politica galega. As aulas do centro levaban nomes de persoeiros significativos da nosa cultura: Castelao, Alexandre Boveda, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, nomes de oficios populares: Mariñeiros, Labregos, Irmandiños, e mais da cultura universal: Matrimonio Curie, Bertrand Russell…
Valorouse asemade o seu feminismo activo, o seu compromiso social, o entorno galeguista no que desenvolveu a súa actividade (Antón Beiras, Francisco Fernández del Riego e o grupo inicial de Galaxia, Plácido Castro, Xosé Mosquera "O vello dos contos", Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas e Anisia Miranda, Valentín Paz-Andrade, o padre Seixas, Xesús Alonso Montero, Isaac Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, Choncha Concheiro e Francisco Comesaña…), a modernidade das súas estratexias de ensino (plurilingüismo nas aulas: galego, castelán, inglés, francés), a apertura de miras con que soubo deseñar o seu proxecto educativo… Non é unha muller de obra escrita. A súa obra son os seus alumnos e alumnas, as xeracións que se formaron nas súas aulas e que a recordan. Nestes tempos non menos complicados, onde tan necesaria é a iniciativa civil, Antía Cal representa a vontade de facer cousasl, a aposta pola formación cualificada e comprometida de capital humano, xermolo fundamental para construir o futuro, abertos ao mundo, mais sen renunciar a nós.
A festa de Trasalba
O premio entregarase, como é tradicional, o derradeiro domingo do mes de San Xoán (día 24 de xuño) nunha festa literaria que se celebrará na Casa Grande de Cimadevila (Amoeiro) coa participación de amigos e admiradores da galardonada. Recollerase nun libro a experiencia pedagóxica de Antía Cal e a súa significación, e encargarase nesta ocasión na laudatio o profesor Xesús Alonso Montero.

Comparte nas túas redes sociais ou por email