Ana Romaní gaña o Premio Nacional de Xornalismo Cultural

Categoría: Nova

Na xornada de onte soubemos que a Ana Romaní (Noia, 1962) lle fora concedido o Premio Nacional de Xornalismo Cultural que outorga o Ministerio de Cultura español. En palabras do xurado, é este un recoñecemento ás “súa longa traxectoria no xornalismo, ao seu constante traballo de promoción da cultura e da radio con formatos propios” e destacou tamén “a súa visión de feminismo crítico e compromiso social”. Un galardón que chega despois de case tres décadas á fronte do Diario Cultural da Radio Galega, un espazo que serviu durante anos como altofalante para a esfera cultural galega nos medios públicos.
Autora fundamental do cambio de discurso poético entre as décadas dos 80 e 90, a obra de Ana Romaní ocúpase da deconstrución da tradición literaria e da recuperación dos rostros ocultos da historia desde unha perspectiva de xénero. O seu último libro ata o momento é Estremas (2010), aparecido na colección Dombate desta Editorial, e que supuxo a consagración da autora, recibindo no ano seguinte á súa publicación numerosos premios: o Premio da AELG ao mellor libro de poesía, o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de poesía outorgado pola Asociación Galega de Editores, ou o Premio da Crítica á creación literaria, entre outros.
Alén da literatura sobre o papel, desenvolveu proxectos vinculados á oralidade da poesía e á súa expresión da man doutros creadores. O seu traballo abrangue ademais outros xéneros, con títulos como a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos, publicada por Galaxia no 2003, e un continuado traballo para facer visibles as achegas das mulleres á cultura desde distintos espazos.
Agora este Premio, o máis alto recoñecemento que outorga o estado español no seu eido, súmase a outros como o  Premio ao Fomento da Lectura da Federación do Gremio de Editores de España en 2007; o Premio Atlántida do Gremi de Editors de Cataluña en 2008; o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega á mellor xornalista cultural en 2012; e o Premio da III Gala do Libro Galego á traxectoria en xornalismo cultural en 2018.

Comparte nas túas redes sociais ou por email