O sábado 29 de xuño tivo lugar a entrega do II Premio Roberto Vidal Bolaño a Ana Abad de Larriva por A sombra das árbores.

O IES Ribeira do Louro acolleu en O Porriño ás 19:00h a un público que puido presenciar o recoñecemento que se lle deu a Ana Abad de Larriva pola súa –en palabras do xurado- “proposta teatral de corpo poético onde movemento e palabra cobran especial importancia”.

O acto contou coas intervencións de Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia; Delio García, profesor do IES Ribeira do Louro; e a concelleira de Educación de Porriño, Lourdes Moure, que agradeceron a implicación e o interese amosado na participación dun certame destas características.

O xurado, composto polo dramaturgo Carlos Labraña, a actriz Mónica Camaño e o profesor Delio García Represas, e pola tamén dramaturga Raquel Castro como secretaria con voz, pero sen voto, recoñeceu como gañadora a Ana Abad de Larriva, e na lectura da acta describiron a súa obra A sombra das árbores como unha “peza teatral aberta onde a dirección, xunto co grupo de actrices e actores, construirá desde ese non lugar un escenario simbólico poboado por un bosque de sombras que é o espazo que habitamos”.

O toque musical correu a cargo de Sheila Lorenzo e David Barros, que se encargaron de harmonizar un evento tinguido pola arte. Finalmente, unha vez rematado o acto, serviuse un pequeno petisco que permitiu o intercambio de opinións entre todos os asistentes e serviu a modo de peche da segunda edición dun premio que, definitivamente, cumpriu o seu obxectivo de fomentar a escrita de pezas teatrais dirixidas a un público mozo.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR