Amigos, familiares e lectores acompañan a Xosé María Álvarez Cáccamo na presentación que Galaxia organizou das súas memorias.

Categoría: Nova

"Nada volverá ser igual para min", asegura o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo tras publicar Memoria de poeta, un percorrido polo seu propio pasado desde a perspectiva de alguén que se converteu nun dos nomes clave da poesía galega contemporánea.

O libro, presentado en Vigo o 25 de maio de 2006 por Xavier Rodríguez Baixeras e Marga Romero, foi un encargo da editorial Galaxia que Cáccamo aceptou porque, dalgún xeito, desde había tempo, acariñaba a idea de escribir un texto onde explicase algunhas das claves biográficas da súa poesía, elemento central da súa extensa produción.

Agora, cando Memoria de poeta está xa nas librerías, Cáccamo descubriu que o libro lle permitía ver a súa vida dunha maneira máis distanciada. "Toda escrita", asegura, "é a tentativa de construír o propio eu, pero coa escrita autobiográfica parece que te achegas máis a esa utopía".

Mentres escribía, confesa que sentiu "unha especie de grande responsabilidade" e iso obrigouno a ser "o máis fidedigno posible" aos feitos do seu pasado. Tivo situacións de grande tensión ao reencontrarse co sufrimento dalgunhas escenas, especialmente cando reviviu a morte do seu pai, a pasaxe máis dolorosa do libro. Pola contra, recoñece que desfrutou de novo como un neno ao describir a infancia, "a etapa máis feliz da miña vida".

Galeradas que provocan pánico

Porén, o momento máis delicado veulle ao ter as galeradas nas mans: "entroume unha especie de pánico". Pánico do "nu integral que efectuara, porque na poesía, aínda que falase da miña biografía, amosaba un cóbado ou unha perna, pero nunca o corpo enteiro".

Foi "unha psicanálise total" da que Cáccamo saíu fortalecido: "Perdín a nostalxia". Non se trata só do libro en si, "que é o cumio dun longo proceso de indagación na vida". Vai máis alá: "miro o presente con maior serenidade e estou menos pendente do que o pasado significou e os mecanismos para recuperalo". Mesmo albisca repercusións no seu propio feito de escribir: "A materia da miña poesía foi sempre biográfica e agora, cando quero facer un poema, non atopo case nada".

Fronte a ese baleiro que se lle abre, Cáccamo dá por descontado que deberá buscar novas vías expresivas, novas temáticas ou "ao mellor, abordar a mesma temática, pero buscando outras perspectivas, que non sexan xa as da nostalxia".

A felicidade do territorio

As memorias de Álvarez Cáccamo dedican un apartado especifíco ao que será un dos procesos máis imporantes da súa vida: o abandono do castelán como lingua de expresión literaria para comezar a utilizar o galego. "Nese proceso", subliña, "descubrín unha obviedade: era inevitable que escribise en galego: por tradición familiar e por contorno". As dificultades viñan dunha cuestión esencial: "Non era capaz de dar o paso porque o galego non era a lingua da miña emotividade. Porén, cando o dei, sentinme moi liberado e feliz: Podía investigar un novo terreo de significados emotivos e lingüísticos. Sentinme moi a gusto no meu propio territorio cultural, lingüístico e literario".

GALICIA HOXE
26 05 2006

Comparte nas túas redes sociais ou por email