Álvaro Cunqueiro en Damasco

Categoría: Nova

Coa presencia dalgunhas primeiras autoridades da República Árabe de Siria e unha importante representación das embaixadas de Cuba, Arxentina, Venezuela, Brasil e España, inaugurouse en Damasco a biblioteca "Alvaro Cunqueiro", nas novas instalacións que o Instituto Cervantes dispón na capital siria.

En palabras do director do Instituto, o xornalista e poeta César Antonio Molina, que tamén foi editor de Cunqueiro, a iniciativa responde á idea de que o Instituto Cervantes promova e difunda, ademais do castelán, tamén as outras linguas oficiais de España, entre elas a lingua galega.

No Instituto Cervantes de Lyon inaugurouse hai pouco a Biblioteca Gabriel Aresti, cunha importante presenza das letras vascas. En Palermo a biblioteca do Instituto Cervantes leva o nome de Salvador Espriu, cun fondo bibliográfico representativo da literatura catalana. Na biblioteca de Damasco, ademais da obra de Cunqueiro, vídeos, fotografías e gravacións, instalarase unha mostra significativa das letras galegas.

Hai poucos meses que se presentou en Casablanca (Marrocos) a edición en árabe de "Se o vello Simbad…", traducido por Larbi el Harti, tamén presente en Damasco. Sen estar nunca en Siria, na obra de Álvaro Cunqueiro sorprenden as abondosas e documentadas referencias á cultura e as cidades deste país: Alepo, Palmira, Damasco…

Ademais do director César Antonio Molina, participaron nas xornadas arredor de Cunqueiro os editores Miguel Anxo Fernán-Vello e Víctor F. Freixanes, o pintor Xosé Freixanes, que presentou unha mostra da súa montaxe plástica "Ao fin do amencer", dedicada ao contacto coas culturas orientais, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anunciou, xunto co Instituto Cervantes, a celebración en Damasco o próximo ano dunha semana para dar a coñecer a cultura galega e Galicia en todas as súas manifestacións: a música, a arquitectura, a literatura, a plástica, a gastronomía, o turismo, etc.

Comparte nas túas redes sociais ou por email