Cinco anos despois da súa última publicación, Alfredo Conde volve ás mesas de novidades da man da colección Literaria de Galaxia con Un vento que pasa, unha novela sobre a farsa cruenta da vida.

Un vento que pasa é “unha esaxeración propia dun vello consentido”. A historia dun home enfermo que, na fin da súa vida, escoita os relatos que lle contan o seus compañeiros de doenza mentras lembra e debulla a súa propia peripecia. A historia da postración e soidade do protagonista contada dende o cinismo e o sarcasmo. Un home “atado a si mesmo”, un “ser atravesado” que soamente posúe unha certeza, a constancia dos seus erros. Conde presenta a un narrador escéptico e sagaz para quen a sabedoría é ao tempo condena e salvación.
Ás veces obscena, outras cunha ironía clarividente, o ton confesional desta novela fai abrollar a farsa da vida. Unha farsa que, dosificada, acaba por tinguilo todo cun aquel patético, absurdo e, precisamente por iso mesmo, verdadeiro.

Alfredo Conde (Allariz, 1945) é un dos narradores galegos máis recoñecidos polo público lector. Tres veces membro do Parlamento galego, foi conselleiro de cultura en diversos xornais galegos e españois. Os seus primeiros pasos no campo da literatura deunos como poeta ao publicar en 1968 Mencer de lúas. Coa súa novela Xa vai o griffón no vento obtivo o Premio Nacional de Narrativa no ano 1984, primeira vez que ese galardón se lle outorgou a un autor galego; con esa mesma obra tamén gañou o Premio Blanco Amor e o Premio da Crítica Española e, posteriormente, en Italia, o Premio Grinzane Cavour á mellor novela estranxeira. É autor de libros de relatos como Mementos vivos (1974) e Música sacra (1989), e de novelas como Breixo (Premios da Crítica Galega e Española, 1981), Memoria de Noa (Premio Chitón, 1982), O fácil que é matar, Azul Cobalto e Romasanta. Con Los otros días, escrita en castelán, recibiu o premio Nadal no ano 1991. Entre 2006 e 2014 publicou as novelas Lukumí, María das Batallas, Chovida do ceo e O beato. Recibiu tamén os premios de xornalismo Fernández Latorre e Julio Camba.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR