Alfredo Conde define "Lukumí" como unha volta a casa

Categoría: Nova

Como "un regreso a casa" definiu Alfredo Conde a publicación da edición galega da súa novela Lukumí, en Galaxia, a editorial onde viu a luz o seu primeiro libro: Mencer de lúas. Nun encontro coa prensa o día 2 de febreiro de 2006 en Compostela, días antes de que saian do prelo as edicións en castelán e ruso da obra.

Conde explicou os eixos ao redor dos cales xira Lukumí, protagonizada por un "mozo mulato cubano". Estevo é fillo dunha bailarina do famoso cabaret Tropicana que á súa vez é descendente de antigos escravos lukumís africanos. Por parte de pai a súa familia é galega: o seu proxenitor chegou a Cuba para colaborar na nova creación da sociedade comunista, coa que acaba desencantado.

Deste xeito, Estevo vive "a época da revolución cubana" e co paso dos anos descobre en terras rusas e terras galegas os defectos e as virtudes tanto do comunismo como do capitalismo.

A novela, salientou o director xeral de Galaxia, "inaugura o ano literario" da editorial viguesa coa idea de que se converta "nunha desas novelas que perduran na memoria dos lectores".
Para Carlos Lema, a narración mostra "unha encrucillada de mundos", nela pódese atopar desde unha "radiografía da Cuba poscolonial ata referencias á picaresca".

Redacción. Galicia Hoxe 03/02/2006

Comparte nas túas redes sociais ou por email