Dentro da programación da Feira do Libro de Ferrol -que se celebra ata este domingo no Cantón de Molíns- terá lugar esta actividade para os pequenos da casa arredor deste libro máxico que é ABRAPALABRA!.

ABRAPALABRA! é un dos libros máis estraños (por divertido, por curioso, por xeitoso), de todos cantos teñas vistos na vida. Porque cantos libros coñeces que se soteñan de pé? É o que ten a maxia. Que nos permite facer este tipo de cousas.

Para escribir ABRAPALABRA! xuntáronse dous magos ben interesantes, cada un deles especialistas nun tipo de ilusionismo diferente. Por unha banda, Antón Cortizas, mago máis que recoñecido na arte de xuntar letras pero non á maneira habitual. Este mago é quen de escribir do dereito e do revés, e da súa pluma máxica saen poemas só cunha letra, con formas singulares, ou con outras palabras dentro que vas ter que descobrir. O outro mago é Carlos Coira, un dos de chisteira e variña. Afeito dende hai moitos anos a sacar coellos de onde non se espera e en facer desaparecer calquera obxecto grande ou pequeno. El vaiche ir guiando para que aprendas a ser de cada vez mellor mago. Dende o nivel de "aprendiz" ata "supermago" hai un treito que o libro che axudará a cruzar.

Os dous magos xuntáronse para, entre os dous, e co traballo de ilustración dese outro mago, dos pinceis, das formas e das cores que é Jacobo Fernández Serrano, elaborar este libro que che vai permitir gozar da maxia das palabras galegas pero, tamén, aprender maxia dun xeito divertido e sobre todo, moi moi doado.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR