A Real Academia Galega con Torres Queiruga

Categoría: Nova

Son moitas as expresións de solidariedade que chegan tamén a nós como editores e compañeiros de Andrés Torres Queiruga, teólogo de recoñecido prestixio internacional que nos últimos tempos vén tendo problemas coa Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe, de España. Entre os últimos pronunciamentos de apoio que vén de recibir Torres Queiruga está o da Real Academia Galega, da que o teólogo é membro numerario dende xuño de 1980. Di textualmente así:
"A Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe, de España, difundiu un texto no que censura as obras teolóxicas do doutor Andrés Torres Queiruga, membro numerario da Real Academia Galega.
Segundo o tal organismo, o teólogo aventura proposicións contrarias ás verdades reveladas e á doutrina común da Igrexa Católica.
Non é competencia da Academia Galega, institución aconfesional, pronunciarse en materia de ortodoxias ou heterodoxias, pero percibimos no documento unha grave conculcación da liberdade de pensamento dun grande intelectual e escritor.
A citada Comisión intenta sen dúbida cortar o pulo creador de Torres Queiruga e dificultar a difusión das súas ideas. A Real Academia considera o documento unha intromisión escandalosa contra a que protesta firmemente. Tamén observa a RAG que a Comisión para a Doutrina da Fe cita as obras de Torres Queiruga nas súas traducións ao castelán, ocultando o feito de que todas elas foron escritas e publicadas orixinariamente en galego.
En definitiva, A Real Academia Galega ao tempo que protesta pola pauliña ditada contra o seu compañeiro Torres Queiruga, quere facerlle chegar a este o testemuño da súa máis alta estima e o seu profundo afecto."
Editorial Galaxia prepara na actualidade a edición do Libro Homenaxe a Andrés Torres Queiruga (Repensar a teoloxía. Recuperar o cristianismo), ensaios e comunicacións de autores de distintos lugares do mundo, en varios idiomas, que sen dúbida constituirá un importante acontecemento nesta especialidade. A edición (aerredor de 600 páxinas) está a cargo dos profesores Xosé Manuel Caamaño e Pedro Castelao, e a súa publicación está prevista para o próximo mes de abril.

Comparte nas túas redes sociais ou por email