A RAG homenaxeou a Francisco Fernández del Riego

Categoría: Nova

Quen foi presidente da Real Academia Galega e un dos fundadores da Editorial Galaxia, recibiu onte a homenaxe da institución da rúa Tabernas no día no que cumpriría 101 anos.
Unha das participantes, a profesora Malores Villanueva, fixo un repaso da vida do homenaxeado. Pola súa banda, os poetas Luz Pozo Garza e Salvador García-Bodaño deron lectura a dous poemas. Outro dos participantes, o crítico literario Ramón Nicolás, salientou o papel protagonizado por Francisco Fernández del Riego como "catalizador dos movementos culturais galegos de posguerra", un papel sen dúbida difícil que só unha persoa co carácter, a prudencia e o celo de don Paco podía desenvolver.
Outro dos participantes, o escritor Víctor F. Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia, salientou os traballos na editorial e na revista Grial a cargo de don Paco e asegurou que "a recuperación de Cunqueiro para a literatura galega é imposible de entender sen o labor de Del Riego, dos ánimos, do seu empuxe e do seu traballo editorial". As últimas palabras corresponderon a Xesús Alonso Montero, que presidiu a sesión á que asistiron un bo numero de académicos numerarios, ademais do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, e outras autoridades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email