A policía franquista informa sobre Voces Ceibes

Categoría: Nova

O texto, asinado na Coruña o 15 de xaneiro de 1970, vai dirixido á Dirección General de Seguridad en Madrid, ao gobernador da provincia e á Comisaría General de Investigación Social. Nel dase conta do nacemento e das primeiras manifestacións dos compoñentes de Voces Ceibes, que como tal grupo se presentara por primeira vez na facultade de Medicina da Universidade de Santiago o 26 de abril de 1968.

Alí estaban Benedicto, Xavier, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas, Guillermo Rojo, iniciadores do movemento, aínda que, segundo o devandito informe policial, con anterioridade xa viñan realizando recitais por outras localidades de Galicia: Vigo, Pontevedra, Ourense, Negreira… O grupo Voces Ceibes constituiuse formalmente o 10 de maio dese ano.

O informe marca un precedente que máis dunha vez se ten salientado: o recital que o cantante catalán Raimon deu o 9 de maio de 1967 no campo de deportes da Residencia, na universidade compostelana, ao que asistiron estudantes de toda Galicia. A versión galega das cancións de Raimon realizáranas daquela Salvador García-Bodaño e Carlos Casares, mentres que Manuel María foi o encargado de presentar ao cantautor catalán. Os nomes dos tres anótanse no informe coa correspondente ficha policial.

Celso Emilio Ferreiro, Alfredo Conde, Lois Diéguez, Xavier Alcalá, etc., aparecen tamén no documento, xunto cos cantantes sinalados e outros que se foron incorporando despois: Miro Casabella, Xoán Rubia, Amancio Prada ou o propio Andrés Dobarro.

O informe constitúe non só un documento de grande interese histórico senón tamén sociolóxico e político, na medida en que descubre a perspectiva de análise e as técnicas de traballo da policía da ditadura de Franco e a súa posición respecto da lingua e da cultura galegas. Xan Fraga, que traballa dende hai tempo neste capítulo da nosa historia contemporánea, presenta e comenta o informe no número 173 da revista GRIAL.

Comparte nas túas redes sociais ou por email