A poesía é necesaria

Categoría: Nova

Nun salón de actos da Casa do Libro ateigada de público, o escritor Antonio García Teijeiro presentou onte 'A poesía necesaria'. Palabras contadas e palabras recitadas, e a música e as palabras de Eugenio de Andrade e Paco Ibáñez, mesturáronse nun serán de literatura apaixonante e amizade. Abriu o acto o coordenador de Novos Proxectos da Editorial Galaxia, Francisco Castro, quen explicou a xestación do libro, "que naceu dun café na casa de Antonio, arrolados pola música dos Beatles. Literalmente atraquei a Antonio pedíndolle que tiña que facer o esforzo para escribir un libro destas características. Ao primeiro negouse. Poucos meses despois, entregábanos este libro fermoso".

Tomou a palabra despois Miguel Vázquez Freire, quen lembrou os anos finais dos setenta cando coñeceu a Antonio García Teijeiro e a outros mestres e mestras que formarían unha corrente poderosa de renovación pedagóxica da que aínda hoxe beben os docentes máis inquedos. Glosou polo miúdo o libro de García Teijeiro ao tempo que recitaba poemas do autor presentes noutros libros.

Acto seguido, foi o turno do escritor e tamén mestre David Otero, quen agasallou ao público cun longuísimo poema no que, non se retranca, falou do libro de Antonio pero tamén da poesía e da súa necesidade.

Despois destas dúas intervencións, o autor explicou a súa fe en que "a poesía non se aprende, fíltrase", e que só a partir do 'contaxio apaixonado se pode fomentar a lectura". Atreveuse, incluso, a cantar, coa famosa música de Paco Ibáñez, o poema de Gabriel Celaya onde se nos recorda que a poesía é necesaria "como el pan de cada día".

O remate do acto non puido ser máis fermoso. A escritora Alicia Borrás (da que Galaxia está a preparar o libro 'O mar é noso', en Costa Oeste), escribiu dous fermosos poemas sobre a poesía e sobre o poeta que hoxe presentaba libro. Rodeada de nenos, deleitou aos asistentes co seu dicir coidado. Finalmente, Nardo Carpente, armado de poesía e da guitarra, cantou, abeirado por todos os presentes, un poema de Eugenio de Andrade.

Un serán de música, palabras e amizade para lembrar que a poesía é máis que necesaria.

Comparte nas túas redes sociais ou por email