A narrativa europea en galego

Categoría: Nova

A obra de Daniel Kehlmann, A medición do mundo, auténtico acontecemento das letras alemanas, da que se levan vendidos case 700.000 exemplares, acaba de presentarse tamén en castelán e en catalán, practicamente ao mesmo tempo que a edición galega, traducida por Patricia Buján. As outras dúas aínda non teñen versión noutras linguas do estado, anuncian as súas saídas para os primeiros meses do ano 2007.

Esta é a idea coa que nace a colección: presentar en galego as últimas e máis interesantes producións da narrativa europea contemporánea ao mesmo tempo, senón antes, de que o lector poida acceder a elas noutro idioma próximo. A Biblioteca Compostela de Narrativa Europea inaugura, sen dúbida, un novo tempo na oferta literaria en lingua galega.

A tradución de A casa dos encontros de Martin Amis é de Eva Almazán; a de A pensión Eva, de Andrea Camilleri, é de Carlos Acevedo. Nestor Rego, concelleiro de Cultura de Santiago, salientou a iniciativa: Compostela, que dá nome á colección, reafírmase como porta de Europa, "porta de entrada e porta de saída", segundo as súas palabras. De feito, a Biblioteca nace co apoio da Concellaría de Cultura, nun esforzo por apoiar a iniciativa de Galaxia.

Na presentación, á que asistiron tamén os editores e unha representación dos tradutores (Eva Almazán), a Editorial comprometeuse a publicar catro títulos por ano, un por estación. En declaracións de Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, trátase de que os autores galegos poidan dialogar, dentro do mesmo sistema, cos grandes autores da narrativa contemporánea. Nesta mesma liña publicou Galaxia a última novela de Paul Auster (de quen se anuncia un novo título para o próximo mes de febreiro), Hugo Prat Corto Maltés. A balada do mar salgado, na colección Costa Oeste), Angel Lertxundi (na mesma colección), Unai Elorriaga, Truman Capote, Anna Gavalda, etc.

Comparte nas túas redes sociais ou por email