A literatura galega en Frankfurt

Categoría: Nova

"Trátase de iniciar unha política de acción exterior que abra portas, para que corra o aire de dentro cara a fóra, para que a literatura galega sexa coñecida no mundo exterior, nos mercados internacionais do libro; para iso utilizamos o idioma inglés, a maneira de gran autopista da comunicación".
Jonathan Dunne presentou na Feira do Libro de Frankfurt o primeiro volume do proxecto no que dende hai tempo viña traballando para Edicións Xerais de Galicia e Editorial Galaxia. En 340 páxina reúnese unha mostra da literatura en lingua galega dende os Cancioneiros da Idade Media (século XIII) ata 1980-1981, data de aprobación do Estatuto de Autonomía que confire unha nova dimensión ao idioma galego e inicia un proceso de crecemento da nosa produción literaria.
Para 2012 está previsto o segundo volume deste proxecto, que reunirá arredor de 55 textos e outros tantos autores, igual que o anterior, representativos dos distintos xéneros literarios, dende a poesía ao ensaio, o xornalismo e o teatro.
"Os destinatarios deste proxecto son os axentes mediadores da produción literaria", explicou Víctor F. Freixanes, director de Editorial Galaxia. "Queremos facer chegar o volume a universidades, profesores de hispanismo e lusofonía, axentes literarios, editores, traductores, medios de comunicación especializados… Unha lanzadeira exterior que debería ampliarse, reunindo esforzos, pois para determinadas actuacións debemos empezar a traballar xuntos, mesmo por riba da lexítima competitividade dos mercados".
Na mesma liña pronunciouse o director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, quen salientou a ambición do proxecto e a colaboración entre as dúas editoras. Francisco López, Director Xeral de Promoción e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, presentou e cerrou o acto como anfitrión.

Comparte nas túas redes sociais ou por email