A lingua e a edición galega coas novas tecnoloxías

Categoría: Nova

Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, é un dos editores invitados á mesa de debate inaugural da Feira Profesional do Libro de Buenos Aires, que se inaugurou onte na capital arxentina. É a primeira vez que un editor galego é invitado como tal a participar neste evento internacional, un dos grandes encontros de profesionais da edición en Latinoamérica.
A mesa de debate titulouse: "La experiencia de los protagonistas", dentro das palestras dedicadas a novas tendencias da industria editorial, con atención especial aos novos públicos, as novas técnicas de difusión cultural e as novas tecnoloxías da comunicación. Xunto co editor galego participaron no evento Karina Grasccarolli (Comunicarte, Arxentina), Pablo Braun (Eterna Cadencia, Arxentina) e Cristina Mosca (Bookshop, Uruguay), moderados polo profesor José del Río.
A Feira Profesional, cita anual de editores, distribuidores, técnicos e libreiros, precede á inauguración da Feira do Libro de Buenos Aires, que será inaugurada o día 19, promovida pola Fundación El Libro, que dirixe Gabriela Adamo. Durante tres días, os editores latinoamericanos (brasileiros, chilenos, uruguaios, colombianos, venezolanos, mexicanos e arxentinos) debatirán sobre as grandes tendencias que caracterizan a industria editorial nestes momentos, os novos horizontes da edición tecnolóxica nestes países, tanto en castelán como en portugués.
Editorial Galaxia vén traballando dende hai tres anos nunha Plataforma Dixital para a edición e a cultura galega (Galicia-Galaxia, GG), en colaboración co departamento de Novos Medios da Universidade de Santiago e coa participación tecnolóxica dos equipos da Universidade da Coruña, cun orzamento inicial de arredor de 200.000 euros, no que se pretende distribuir no mundo o produto cultural galego: libro, música, audiosivual, artes plásticas, turismo, gastronomía, nun deseño integrado e interdisciplinar. O prototipo, segundo os seu promotores, estará dispoñible a finais deste ano 2012.
"Para a cultura galega", explica Víctor F. Freixanes, "esta liña de investigación é fundamental: ou estamos presentes no novo horizonte tecnolóxico ou esmoreceremos. Os desafíos da nova modernidade pasan por un investimento decidido nestes novos modelos".

Comparte nas túas redes sociais ou por email