A importancia de ler a Piñeiro

Categoría: Nova

Beatriz García Turnes preparou para a Editorial Galaxia o volume "Vida e Obra de Ramón Piñeiro," un texto esencial no que, ademais de facer unha viaxe pola súa vida de compromiso co país, nos ofrece unha antoloxía moi completa que nos permite acceder aos textos fundamentais do autor de Láncara. A escritora e profesora compostelana falará ás 17 horas no Concello de Pontedeume sobre Piñeiro nunha conferencia na que sen dúbida nos achegará os fitos esenciais dunha biografía intensa que, neste 2009, está a ser amplamente estudada co gallo da homenaxe que sempre supón o Día das Letras.

No seu libro sobre Ramón Piñeiro, a tamén autora de "A lingua galega entre 1875 e 1916, situación social e consciencia idiomática" non deixa sen tratar o epistolario do de Láncara, básico para entender o seu traballo socrático de concienciación da mocidade e de xentes da súa xeración, os seus estudos filosóficos arredor da saudade, así como outros moitos textos espallados en diferentes publicacións e cos que Piñeiro foi creando un corpus teórico, inmenso, froito da súa capacidade ensaística e creativa.

Pasado o Día das Letras, o ronsel de Piñeiro segue intensamente presente.

Comparte nas túas redes sociais ou por email