A forza da nosa razón non pode ser inútil

Categoría: Nova

Había moito tempo que non se vía o recinto da Feira do Libro de Santiago tan cheo como o pasado sábado cando se desenvolveu a mesa redonda arredor do tema 'A imposición do galego: ¿mito ou realidade?' e que serviu de marco para a presentación dos libros de Henrique Monteagudo, 'As razóns do galego. Apelo á cidadanía' e de Manuel Núñez Singala, 'En galeo, por que non?'.
No acto, ademais dos autores, participaron Alexandre Vázquez Lorenzo, presidente da Mocidade pola Normalización Lingüística e o Coordinador de Novos Proxectos da Editorial Galaxia, Francisco Castro.
Durante a súa intervención, Alexandre Vázquez encetou un discurso moi crítico coas actuais autoridades lingüísticas para, dende a súa reflexión de mozo de dezanove anos, laiarse da perda da unanimidade que outros políticos amosaran ao respecto da lingua na era de Manuel Fraga. Reivindicou un discurso positivo arredor da fala e as dificultades para manter un monolingüísmo nas grandes cidades de Galicia.
De seguido, tomou a palabra Manuel Núñez Singala, quen comentou o libro de Monteagudo, e comezou sinalando que, como se recolle no subtítulo do libro, 'a razón está da nosa parte'. Lembrou a importancia da actitude persoal de todos e cada un dos galegos sobre o asunto lingüístico, e que non serve de nada poñer toda a responsabilidade só nas institucións. Celebrou, tamén, do libro de Henrique Monteagudo 'a intelexiencia do punto de vista. Porque calquera que teña dous dedos de fronte decatarse de que non hai imposición do galego neste país'. Suliñou, tamén, a simpleza da ecuación que identifica galego con imposición e castelán con liberdade, unha das grandes falacias que conseguiron callar no conxunto da cidadanía. Finalmente, sinalou que a situación do castelán e do galego en Galicia non é igual e, xa que logo, pedir que sexan tratados como iguais é 'perpetuar a desigualdade'.
Antes do animado debate que se produciu entre todos os membros da mesa, tomou a palabra Henrique Monteagudo, quen tiña como labor a análise do libro de Núñez Singala, no que foi o seu primeiro acto despois de coñecer a nova do seu ingreso próximo na RAG. Do libro sinalou 'a importancia de dirixir o seu discurso á xente máis nova, xa que eles son o futuro da lingua. E eles vano ter máis difícil ca nós'. Comentou tamén que o de Singala era 'un libro orixinal cunha vertente moi creativa e que apela ao sentido común'. Despois, centrándose máis no tema da suposta imposición do galego en Galicia sinalou a importancia de non esquecer que, para que unha fala exista, é necesario que se dean as circunstancias dun 'falar con', e, daquela, é necesaria a existencia dunha comunidade. Finalmente, lembrounos que as linguas conéctannos coas culturas e que son moito máis ca un instrumento de comunicación. 'Son, tamén, un xeito de estarmos no mundo e de ver cara o futuro'.

Comparte nas túas redes sociais ou por email